SEECGalicia

Centauros de ouro 2010

Hoxe estamos de noraboa en SEECGalicia. O Portal web Chiron vén de nos conceder o centauro de ouro  2010 polo concurso Odisea, que organizamos xunto coas seccións da SEEC de Valencia-Castellón e Alacant. E ademais outro galardón recae nun blog de aula galego, o Viam stratam, dos alumnos “clásicos” do IES Manuel García Barros da Estrada.

Así rezaba a nova na súa web:

Un ano máis, coincidindo coa celebración do día de Internet (17 de maio), Chiron concede os seus Centauros de Ouro, a aqueles blogs de temática clásica, mantidos por alumnos, que constitúen un exemplo a seguir e un estímulo para fomentar o amor polo mundo grecorromano.

Nesta cuarta convocatoria, o Centauro de Ouro correspondeu aos blogs:

  • Viam stratam, blog de aula dos alumnos de clásicas do IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra).
  • Lingua Mater, blog persoal de Elena Recio, alumna de 4º de ESO do Instituto Santiago Apóstolo de Almendralejo (Badaxoz).

Ademais, Chiron desexa tamén premiar iniciativas sobre o mundo clásico dirixidas a alumnos. E, para ese efecto, outorga tamén un Centauro de Ouro ao Concurso de Cultura Clásica Odisea, organizado polas seccións da SEEC en Galicia, Valencia-Castellón e Alacant, e que xa culminou a súa quinta edición, polo seu decidido empeño en promover o coñecemento da civilización grecorromana entre os alumnos de secundaria. Unha iniciativa que busca e está preparada para crecer e agrupar en próximas edicións a todas as comunidades que estean interesadas en participar.