SEECGalicia

Clausura nacional dos festivais de Prósopon

A pasada fin de semana tivo lugar en Lugo a clausura nacional dos festivais de Prósopon, coa asistencia do representantes de toda España. O venres celebrouse a asemblea xeral, na que, entre outros puntos, acordouse nomear socios de honra a Dna. Milagros López Salvador, conselleira do MEC, a Dna. Dolores Vieiro Núñez, concelleira de educación e a D. Xosé Clemente López Orozco, alcalde do Exmo. Concello de Lugo, polo seu apoio en defensa dos festivais de teatro clásico. O sábado, invitados pola Deputación de Lugo, percorrimos a Ribeira Sacra, embarcando no catamarán de Belesar e, xa pola tarde, tivo lugar o acto oficial da clausura, que foi presidido polo alcalde. (pica en ler máis para seguir). 

A presidenta da sección de Galicia da SEEC, Cecilia Criado, deu a benvida ós invitados e fixo fincapé na necesidade de loitar para que as nosas disciplinas teñán o posto que lles corresponde no ensino. Cipriano Fontanilla, presidente nacional de Prósopon, destacou o papel do teatro na difusión da cultura clásica e deu as gracias a todos os que fan posible que sigamos adiante. Os homenaxeados recibiron os documentos acreditativos de Socios de Honra e, ademais de agradecelos, renovaron o seu compromiso co teatro e con Prósopon.

O domingo pola mañá houbo unha recepción do alcalde no concello e visitamos o museo provincial e a casa dos mosaicos, para despedirnos logo ata setembro, data na que nos reuniremos para ultimar a preparación da edición de 2011.

Foron días intensos de convivencia nos que saímos con novas forzas para seguir ofrecéndolles ós nosos estudantes a posibilidade de achegarse ó teatro grecolatino.