SEECGalicia

Crónica da viaxe a Grecia

Seis institutos de Galicia, Menéndez Pidal (A Coruña), Moncho Valcarce (Pondes de García Rodríguez), Saturnino Montojo (Ferrol), Pedregal de Irimia (Meira), Agra de Leborís (Laracha), CPI Xosé Pichel (Coristanco), realizaron unha viaxe cultural á Grecia clásica, inaugurando así esta nova actividade organizada por SEECGalicia. Este foi o calendario da semana: 

  • Sábado 14: saída de Alvedro ás sete da mañá para chegar a Atenas ás 16,30 hora local. Unha vez instalados no hotel Stanley, o grupo fixo unha “primeira visita turística” percorrendo os lugares máis emblemáticos da Atenas actual, especialmente Plaka e Psiri
  • Domingo 15: A mañá estivo dedicada por enteiro á visita do Museo Arqueolóxico Nacional; pola tarde fíxose unha visita turística ao monte Licabitos.
  • Luns 16: pola mañá visitouse a Acrópolis e a Ágora grega; pola tarde visita turística a Cabo Sunion para ver o Templo de Poseidón.
  • Martes 17: Saída para o Peloponeso; despois da parada de rigor para ver a Canle de Corinto, visitouse Nemea (estadio, museo e recinto); alí tivo lugar a “primeira carreira olímpica do grupo“; a continuación dirixímonos a Micenas onde, despois de visitar a tumba de Atreo, se fixo un percorrido turístico pola cidadela mentres se lían textos clásicos de Esquilo e Sófocles “escenificando in situ a gloria e morte de Agamenón”; a hora de peche atopounos aínda no museo de Micenas; pola tarde a chuvia impediu unha vista turística por Nauplio. Durmimos en Tolos.
  • Mércores 18: iniciamos a ruta visitando Epidauro (Teatro, museo e santuario); a continuación visita turística á fortaleza veneciana de Nauplio; breve pausa para comer e visitamos as ruinas de Tirinto para iniciar viaxe a Olimpia; alí durmimos.
  • Xoves 19: exhaustiva visita a Olimpia: museo, santuario e estadio (segunda carreira olímpica); comida no pobo e saída para Delfos; alí durmimos.
  • Venres 20: Exhaustiva visita a Delfos (museo, santuario, estadio -non se puido correr porque está pechado por derrubamento de pedras-, zona de atletas e santuario de Hera); saída para Atenas a onde chegamos ás 19 horas.
  • Sábado 21: “Recomendouse” a visita ao museo Benaki aínda que a maioría das alumnas preferiron dedicar a súa única mañá libre para compras en Plaka.
Foi unha viaxe moi frutífera dende o punto de vista cultural; as alumnas -só ían dous alumnos- puideron repasar moi concienciudamente toda a Grecia clásica; foi unha semana de inmersión no mundo e cultura do clasicismo grego; cada día presentábaselles unha proba (enigma) que tiñan que descifrar (descubrir o número de columnas dun templo sen contalas; descubrir o autógrafo de Byron…) que fixeron máis entretida a viaxe.

Hai que resaltar desta experiencia:
1. – O extraordinario e exemplar comportamento do alumnado; non existiu o máis mínimo problema recibindo mesmo felicitacións dos Hoteis.
2. – A intensa e sempre atenta colaboración das profesoras;grazas a elas puídose levar esta semana tan enriquecedora.
3. – A grande sorte de atopar cun “guía atípico”, Electeros, persoa culta e didáctica á vez; el presentounos unha visión “antropolóxica” da Grecia clásica fóra do alcance de calquera guía normal.
A nota de cor (máis ben negra) púxoa IBERIA; á ida deixouse sete maletas en Madrid e á volta deixouse… ¡ ¡ as corenta maletas en Madrid!! Sotto voce deixaron caer en Alvedro que o comandante do avión non tivo a ben esperar polas maletas cando outros días inventan a reparación dunha roda” e esperan ata dúas horas; todos nolas prometiamos tan felices, contando o ben que nolo pasaramos pero xa o díxo Eurípides: “non consideredes feliz a ninguén ata que non chegue ao final dos seus días” (As Troianas), Iberia encargouse de recordárnolo.

* imaxe: Tirinto con Argos ao fondo