SEECGalicia

Falecemento de Antonio Fontán, ex presidente da SEEC

O pasado 14 de xaneiro finou en Madrid aos 86 anos Don Antonio Fontán Pérez. SEECGalicia únese ás homenaxes e condolencias ante o finamento do que foi presidente da SEEC.

Nacido en Sevilla en 1923, Fontán era catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid e foi xornalista e membro do Consello privado do Conde de Barcelona. Tras a morte de Franco en 1975, Antonio Fontán participa directamente na xestación do novo Estado democrático. Preséntase ás primeiras eleccións xerais e é elixido Senador por Sevilla na Lexislatura Constituínte. O 13 de xullo de 1977 é nomeado Presidente do Senado. Intervén directamente na negociación e elaboración da Constitución de 1978, da que é un dos asinantes. Na primeira Lexislatura é nomeado Ministro de Administración Territorial nun goberno presidido por Adolfo Suárez. Permanecería no cargo ata 1980.

“Catedrático, xornalista, político". Con estas tres palabras pretendeuse en moitas ocasións resumir a riquísima personalidade de Antonio Fontán. Na súa longa traxectoria universitaria foi Catedrático nas universidades de Granada, Navarra, Autónoma de Madrid e Complutense. Presidiu durante un período de tempo a Sociedade Española de Estudios Clásicos. Antonio Fontán, como outros membros da súa xeración, elevou a Filoloxía Clásica española a niveis científicos europeos, pero tamén se preocupou por crear as infraestruturas necesarias para levar a cabo tal empresa. Todo iso explica que os filólogos españois lle dedicaran xa cinco congresos e homenaxes.

A súa actuación académica ilustra que Antonio Fontán foi un mestre de mestres. En 2008 S.M. o Rei Juan Carlos I outorgoulle en 2008 o título de Marqués de Guadalcanal, en recoñecemento á súa destacada traxectoria na Universidade, o periodismo e a política.