SEECGalicia

Grao en FILOLOXÍA CLÁSICA USC – Implantación no curso 2009-2010
Grao en FILOLOXÍA CLÁSICA (Universidade de Santiago de Compostela) Implantación a partir do curso 2009-2010


O Grao en Filoloxía Clásica ten como principal obxectivo o estudo das linguas, as literaturas e as culturas Grega e Latina, así como o da súa pervivencia e influencia decisiva na civilización occidental e en todas as civilizacións da Terra.O plan de estudos posibilita a aprendizaxe do Grego clásico e do Latín,así como das súas respectivas literaturas, buscando un equilibrio entre materias teóricas e prácticas. A aprendizaxe das linguas realízase a través do estudo da fonética, a morfología e a sintaxe, combinado coa tradución e o comentario de textos. Os coñecementos lingüísticos constitúen a base que permite ao alumno introducirse na literatura e na teoría literaria. O Grao ofrece tamén coñecementos avanzados noutros campos tradicionalmente vinculados coa Filoloxía Clásica: a crítica textual, a paleografía, a mitoloxía e a relixión, o pensamento clásico, as institucións. O estudo da evolución e a historia das linguas, na cal destaca a lingüística comparativa indoeuropea, permite adquirir a máis ampla e profunda persepectiva de análise da diversidade cultural. O panorama que se ofrece ao titulado en Filoloxía Clásica inclúe, xa que logo, a mellor perspectiva para un estudo comparativo das principais linguas europeas; en especial, podemos destacar no noso Departamento unha consolidada tradición de Estudos Medievais,fundamentais para comprender a historia cultural de Galicia na súa contorna europea.
Saídas e perfís profesionaisA saída profesional máis xeneralizada é o ensino no nivel de secundaria. Con todo, a enorme preparación e capacidade analítica e crítica que proporciona a Filoloxía Clásica permiten tamén aos graduados competir con vantaxe en moi variados ámbitos profesionais: o mundo editorial, bibliotecas, arquivos, museos, empresas de servizos culturais e de patrimonio histórico-artístico, etc.
Podes descargar dende aquí o documento completo do Proxecto de memoria para a verificación do título de Grao, aprobado pola Xunta de Facultade e Consello de Goberno o pasado ano.