SEECGalicia

Odisea 2011. VI edición do concurso.

A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (SEEC) convoca a sexta edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia. Terá lugar entre os días 31 de xaneiro e o 4 de febreiro (primeira fase), e os días 7-11 e 14-18 de febreiro de 2011 (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto. Nesta edición volveremos contar coa participación na Comunidade Valenciana das seccións da SEEC de Valencia-Castellón e de Alacant, e por vez primeira participará no concurso a sección da SEEC de Aragón. Este ano, como novidade, o concurso versará sobre a muller en Grecia e Roma e con ese motivo a escritora Isabel Barceló, gran admiradora da antigüidade grecorromana, escribiu estas palabras para a presentación de Odisea 2011: “É fundamental nos nosos días contemplar o pasado no seu conxunto. Se deixamos fóra do campo de visión ás mulleres, a nosa percepción das sociedades antigas será parcial, distorsionada e inxusta. As mulleres aportaron ás sociedades de todos os tempos tanto como os homes. transmitiron a vida, foron creadoras e transmisoras de cultura; regalaron coidados e afectos, aspectos fundamentais para o desenvolvemento da personalidade humana; contribuíron á economía e ao equilibrio social; padeceron os mesmos males que todos os demais. No bo e no malo, foron actoras sociais. Negarlles o papel que historicamente desempeñaron non só é unha inxustiza, senón que ten efectos no presente: a falta de respecto xeral cara ás mulleres, as dificultades para que accedan a postos de decisión e de relevancia profesional e social, a continua necesidade de xustificar as súas esixencias, son algúns deses efectos. Paga a pena combater todos eses prexuízos e perxuízos recuperando a memoria das mulleres do pasado. Aprender a coñecelas, valoralas, amalas. Darlles o recoñecemento que merecen, volvelas á memoria e á vida. Facerlles e facernos xustiza”.