SEECGalicia

Remata o festival Lugo 2009

Durante os días 9, 10 e 11 de marzo celebrouse o IX Festival de teatro Grecolatino de Lugo. Fixo a inaguración Cecilia Criado, presidenta da sección galega da SEEC, quen entregou os premios aos equipos gañadores do concurso de cultura clásica Odisea 2009. O primeiro día o grupo Hypnos, do IES Francisco de los Ríos de Fernán Núñez, Córdoba, levou a escena as Bacantes de Eurípides e Lisístrata de Aristófanes, con espléndido resultado estético e gran forza expresiva malia a xuventude dos actores. O martes actuou Balbo, do Puerto de Santa María, pioneiro dos grupos escolares de teatro grecolatino. Estreaban Antígona de Sófocles e reestreaban Mostellaria de Plauto, con cambios na posta en escena que aportaron dinamismo e cor á obra. O terceiro día o grupo Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, ofreceu Nubes de Aristófanes e Miles Gloriosus de Plauto, resolvendo con acerto as dificultades técnicas que supón sobre todo a posta en escena de Aristófanes. Como todos os anos a resposta á nosa convocatoria foi excelente. Por primeira vez alcanzamos a cifra de 90 centros asistentes e 4.321 espectadores, procedentes de toda Galicia, Asturias e León. O noso agradecemento a todos eles, en especial aos profesores, que se encargan de animar aos alumnos, traballar os textos e organizar un día de teatro e cultura na cidade de Lugo. Unha vez máis queremos deixar constancia pública do nosa débeda de gratitude co concello de Lugo, que a través da súa concellería de Educación sufraga parte dos gastos do noso festival. Sen eles non o poderíamos sacar a diante. Baixa o telón, pero desde este mesmo momento empezamos a preparar o festival do ano próximo, que pretendemos que sexa especial, xa que chega á décima edición. Para iso necesitámosvos a todos, como espectadores, como colaboradores ocasionais ou como socios da SEEC, que en definitiva é quen fai o esforzo de continuar cun labor que comezou modestamente, pero leva posto ante os dramas clásicos a máis de 25.000 mozos nestas nove edicións. Graciñas e ata o ano vindeiro. Visita a Galería de imaxes desta edición do festival.