SEECGalicia

XORNADAS DE CLAUSURA DOS FESTIVAIS PRÓSOPON DE TEATRO GRECOLATINO

Os días 28 e 29 de maio, a sede de Sagunt acolleu ós representantes dos Festivais de Teatro de todas as sedes integradas na rede Prósopon. O sábado 28 celebrouse a asemblea xeral onde se fixo balance dos distintos festivais, que mobilizaron a mais de 60.000 escolares de toda España. Durante o acto de clausura, foron nomeados Socios de Honor de Prósopon, o concello de Sagunt, a Saguntina Domus Baebia, referente nacional dos obradoiros de cultura clásica, e, a título póstumo, a secretaria de Prosopon, a nosa querida e recordada Encarni San Millán, cuxo recente pasamento propiciou os momentos máis emotivos do acto. A sede saguntina ofreceu aos participantes toda unha serie de actividades que complementaron magnificamente os actos da clausura, entre os que cabe salientar a visita á Saguntina Domus Baebia e ao Museo da Escenografía Grecolatina, a conferencia maxistral da arqueóloga Carmen Aranegui, a representación de Lisístrata polas alumnas do Instituto Alfonso XIII de Vall Alba (Castelló) e a visita aos recintos arqueolóxicos de Via Portici e Domus dels Peixos. Como membros da rede Prósopon, coas nosas sedes de Lugo, Ourense e Coruña, queremos agradecer e felicitar os nosos colegas de Sagunto pola calurosísima acollida e pola fantástica organización de todos os eventos que formaron parte da clausura. Gratias plurimas vobis agimus, Saguntini collegae!! Fotos 1. Foto de familia dos participantes- 2. Visita á xudería, co teatro romano de Sagunt ao fondo, obxecto de polémica restauración. 3. As directoras da Domus Baebia, Charo e Amparo explican unha das sás aos participantes. 4.A directora do Museo da Escenografía Grecolatina, Gemma López, explica á sá dedicada ás Bacantes de Eurípides. 5. O fillo de Encarni San Millán recibe o seu título de Socia de Honor de Prósopon. 6. Representación de Lisístrata por alumnas do IES Alfonso XIII de Vall d’Alba.