Por Lucía Cernadas Varela e Eva Montero Martínez, do I.E.S. Afonso X o Sabio de Cambre
A nosa odisea particular iniciou cando aínda non se vían os raios do sol. O quince de febreiro estivemos a dous voos de avión de pisar a terra onde naceu todo. Alumnos e alumnas de diferentes centros galegos chegamos a Atenas cando xa se poñía o sol, recelosos de saír dos nosos grupos, mais marabillados pola vida dese caos que é a capital helena, tan convulsa. Tras coñecer ao que sería o noso xefe de expedición, Lefteris Gianoulopoulos, comezaron a xestarse algunhas amizades antes dunha xornada intensa de visita exhaustiva á cidade. Entre o sol mediterráneo, as cámaras de fotos e as presas, captamos como puidemos toda a información que se nos deu; visitamos con emoción a Acrópole e o seu museo, paseamos polas rúas atenienses, contemplamos a cidade dende o Areópago e repetimos a visita ao centro da cidade, ata chegar a Syntagma e perdernos entre manifestantes e curiosos que presenciaban o pintoresco cambio de garda.
Tras outro día intenso, fixemos as maletas para, pasando por Corinto, poñer rumbo a Epidauro e iniciar a etapa peloponesia da nosa viaxe. A sobrecolledora visión e acústica do teatro viuse acompañada pola inmersión no modo de ver a vida a través do teatro da cultura grega, ese legado irónico e rico. Pola tarde desfrutamos da visita á orixe dos Atridas, Micenas, coa súa monumentalidade e engado. Pasando polas rúas e o encanto de Nauplia, continuamos a nosa viaxe á vila mareira de Tolo, onde durmiriamos a curta noite rozando o mar.
Unha nova recollida de equipaxe iniciaba o que xa era o ecuador da nosa expedición: rumbo ao val de Esparta, coa impoñente e branca vista do monte Taixeto, percorremos a cidade bizantina abandonada de Mystras baixo o sol da mañá, unha pequena xoia, antesala dos restos da propia Esparta. O espírito de Leónidas e os seus trescentos acompañounos no percorrido, descubrindo que é moito máis a fama e as lendas que o material o que conservamos desta cultura singular. A convivencia seguía a facer efecto, e pouco a pouco creábanse amizades e proxectos entre algúns dos grupos. As luces de Kalamata recibíronnos á noite que nos devolveu ao noso tempo, con compras para o longo día seguinte, e mesmo fútbol.
Espertamos un día máis rodeados dunhas vistas espectaculares, algo cansos polas noites de parolada que xa levabamos ás costas, pero preparados para un día máis visitando terras gregas. Logo de atravesar o monte Taixeto, entre caras longas de falta de descanso, cumios nevados e cámaras de fotos en alto, que dentro do autobús, intentaban captar o máis mínimo detalle, chegamos a Mesenia. As ruinas desta cidade grega acolléronnos todavía en pleno desenvolvemento, un lugar aínda por descubrir que non aparece nas típicas guías turísticas. Unha vez máis, Lefteris axudounos a comprender a súa importancia e a dimensión destes restos. Con gañas de ir ao hotel para recargar pilas e seguir coa nosa andaina, chegamos a Olimpia, percorrendo as súas rúas na procura dos últimos agasallos e consolidando esas amistades que, pouco a pouco, seguían a xurdir.
Á mañá seguinte, Olimpia emocionounos. A medida que percorriamos as antigas instalacións para os deportistas, os templos, o obradoiro de Fidias… o forte espírito dos antigos atletas olímpicos contaxiounos, espírito que puxemos a proba na carreira que fixemos no estadio, cos nosos particulares vencedores. Antes de rematar o día, realizamos unha pequena parada en Lepanto, un lugar cheo de historia e gravado na nosa literatura. Unha vez máis as cámaras e móbiles fixeron o seu traballo e inmortalizaron a figura de Cervantes e un marabilloso atardecer sobre as costas da vila.
A nosa viaxe achegábase ao seu fin, pero os ánimos aínda seguían polas nubes. E que mellor para manter esa ilusión que unha das visitas máis esperadas, Delfos. Almorzados, a equipaxe recollida con a présa, cunhas maletas que cada vez contaban con menos espazo e as cámaras recén cargadas, comezamos a nosa increíble visita polo museo, continuando polos restos do santuario. Sobrecollidos pola súa grandiosidade, a súa localización espectacular e o seu significado para a cultura grega, continuamos a sumerxirnos nas tradicións helenas cun magnífico xantar a base de productos típicos.
Volta a Atenas para gozar da nosa última noite: compras, boa compaña e unha longa velada por diante para preparar as despedidas e marchar cun bo sabor de boca.
O 22 de febreiro, domingo, remataba a nosa particular odisea por terras helenas. Unha vez máis, dous voos separábannos da casa e desa cultura, tan coñecida e tan nova á vez para nós. Durante as horas que restaban, tivemos tempo a recordar, a reflexionar e a recontar todo o que traíamos de volta. Voltabamos cargados de fotos e agasallos e a nosa memoria repleta de recordos, experiencias, amizades e proxectos. Unha viaxe na que, sen dúbida, aprendemos un pouco máis, da cultura grega e de nós mesmos, e que ficará gravada por moito tempo.
Maite Jiménez
Grazas ás dúas magníficas narradoras, que me fan recordar todas as marabillas desta viaxe. Apertas a todos.
SEECGalicia
Sí, sensacional la crónica (gracias niñas!!, que valéis vuestro peso en oro). No tengo palabras para calificar el viaje y vuestra compañía. Creo que ninguno de los que fuimos lo olvidaremos nunca.
Cecilia