SEECGalicia

Información sobre actividades e sobre a campaña “SOS Clásicas”

Como xa se vén informado polas nosas RRSS, nas pasadas semanas tiveron lugar a nosa viaxe cultural a Grecia (Operación Alexandros) e o “Festival de Teatro Grecolatino de Galicia” nas súas diferentes sedes de Lugo, A Coruña, Ourense e Tui, con grande acolleita e resultado moi positivo ambas as dúas. O pasado día 20 de abril celebráronse tamén os “VI Ludi Compostellani”, con gran demanda de asistencia por parte de socios e centros. Está ademais xa convocada a “VIII Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos” para o próximo día 31 de maio.

Mais agora toca principalmente comentar algunhas novas referidas ao noso traballo de promoción, defensa e reivindicación dos estudos clásicos no ensino secundario e no bacharelato.

En primeiro lugar queremos mencionar as últimas xestións sobre ponderacións das materias de Clásicas nas Probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU) do sistema universitario de Galicia:
– Conseguida a ponderación de 0,2 de Grego II nos Graos de Historia e Historia da Arte.
– Solicitado o apoio das Facultades de Dereito de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, para que Grego II pondere con 0,2 nos respectivos Graos de Dereito. Obtívose a resposta positiva da Facultade de A Coruña e estase á espera das respostas das Facultades de Ourense e Santiago de Compostela.
– Solicitado o apoio das Facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e de A Coruña, para que Grego II e Latín II ponderen con 0,2 no Grao de Comunicación Audiovisual. Obtívose a resposta de que estudarán a proposta con perspectiva favorable no marco do novo sistema de acceso á Universidade.
– Solicitado ás Facultades de Ciencias da Educación de A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ourense o apoio para que Grego II e Latín II ponderen con 0,2 en Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Social.

En segundo lugar, a celebración do aniversario da campaña “S.O.S. Clásicas” é un bo momento para facer balance do que se leva feito. Para iso, deberiamos remontarnos a setembro de 2021 e recordar a situación dramática dos nosos estudos con numerosas cancelacións de grupos inferiores a 5 estudantes. Foi a gota que colmou a nosa paciencia, e a campaña púxose en marcha en marzo de 2022. Logo dos primeiros meses de campaña, a situación en setembro de 2022 foi distinta, cunha redución importante de ditas cancelacións. Non semella inverosímil pensar, logo, que sen a campaña as supresións terían continuado imparables.

Nas primeiras semanas da campaña, a presenza en prensa, radio e televisión foi moi intensa. As entrevistas concedidas foron numerosas e mesmo foron comentadas as nosas reivindicacións no Telexornal do mediodía e do serán. Todas estas intervencións están debidamente recollidas nas RRSS da campaña, que foron creadas, entre outras cousas, para a difusión destes materiais e outros de creación propia.
Como sabedes, temos un perfil propio en todas as RRSS de uso habitual (sosclásicas en Instagram, Facebook e TikTok; ClásicasSos en Twitter), procurando chegar a todo tipo de público, e obtendo un resultado particularmente bo en Instagram, na que contamos con máis de 1.600 seguidores (como dato comparativo, podemos citar os 1.900 cos que conta a SEEC Nacional); seguidores que non son só galegos senón tamén doutras CC.AA.

Para encher de contido as nosas RRSS creáronse os máis de 50 vídeos que se publicaron durante este ano nos chamados #venresclásicos, protagonizados por persoas, con relevancia pública ou non, que se ofreceron a facer unha defensa dos nosos estudos dende os seus respectivos (e ben variados) campos de coñecemento ou actuación, dende o deporte ata a informática, pasando polas artes ou o xornalismo. Cremos que estes vídeos constitúen un corpus moi interesante para traballar con el nas aulas e animámosvos encarecidamente a facelo. Podedes atopalos todos en Youtube nesta ligazón. Nos últimos meses foise diversificando a creación de materiais audiovisuais, moitos elaborados polo propio alumnado, onde se tratan temas como a mitoloxía, a etimoloxía ou o uso actual das frases latinas, que permiten ademais preparar algunhas das preguntas das PAU dunha maneira máis interesante e menos memorística. Cabe lembrar que a realización de pequenos vídeos ou elaboracións audiovisuais doutra índole axuda a dinamizar os contidos curriculares, así como a que o alumnado aprenda a manexar as ferramentas tecnolóxicas que ten ao seu alcance.

Creáronse, así mesmo, produtos de merchandising como as chapas co logo da nosa campaña e a xa famosa “bolsa viaxeira”, que vos invitamos igualmente a seguir comprando, pois hai remanente abondo, e agora vén o bo tempo para usala máis aínda. Basta con escribir ao noso correo facendo a solicitude.

Cremos que, partindo do que se partía, se chegou lonxe con esta campaña, contaxiando un sentido de orgullo polos nosos estudos e polo noso traballo que queremos transmitir ao noso alumnado, ás súas familias e á sociedade en xeral. Pero agora é máis necesario que nunca contar co voso apoio, traducido en motivar ao voso alumnado a que nos siga nas RRSS (se é que aínda non o fai) e a que comparta connosco non só materiais semellantes aos que xa se poden ver, senón tamén aqueles que xurdan da vosa creatividade nas aulas, de xeito que as RRSS de SOS Clásicas se convertan en receptor do noso talento e de toda canta capacidade inventiva posuamos. Non é preciso recordar que xuntos somos e seremos máis fortes e que, a través das RRSS, seremos capaces de mostrarlle ao mundo toda a potencialidade que posúen as nosas materias dentro do sistema educativo.

SEEC-Galicia