SEECGalicia

Viaxe a Italia 2018 – Programa

PRESENTACIÓN

Esta viaxe é froito da reflexión feita pola nova directiva de SEECGalicia sobre os obxectivos das viaxes a Italia. Chegouse á conclusión de que o gran esforzo económico que supón o custo dos nada baratos guías italianos tiña que ir orientado a explicación de patrimonio artístico e cultural relacionado directamente coas clásicas, que redunde na formación do noso alumnado e profesorado de latín e grego.
A consecuencia máis visible deste nova orientación é que as marabillas da arte barroca e outros períodos das cidades de Roma e Nápoles serán visitadas polos alumnos acompañados dos seus profesores durante os tempos libres das tardes, deixando as mañás para a explicación guiada de recintos arqueolóxicos e museos referidos ao mundo romano (e grego tamén…).
Así mesmo igualamos o perfil do hotel de Roma co de Nápoles. En ambos casos estarán en zonas céntricas, perfectamente comunicadas, pero tranquilas, lonxe das terribles concentracións de estudantes de todo o mundo e as súas festas nocturnas de hotel.
Esperamos que vos agrade esta nova visión, aínda que comprendemos que haberá quen non a comparta. O que non se lle pode negar a esta directiva e a vontade de renovación dos seus proxectos baixo criterios precisos.

COORDINADOR:

Fernando Domènech Rey

DATAS:

10 a 17 de febreiro de 2018

PRAZAS:

Ofertaranse 59 PRAZAS. Os solicitantes que excedan este número pasarán a formar parte dunha lista de espera que se irá actualizando en función das eventuais baixas.

PROGRAMA:

Sábado 10:

Mañá: Lavacolla – Barajas – Fiumicino – Hotel Domus Sessoriana***.

Tarde: segundo a previsión de voos, chegamos ás 11 da mañá, co que temos libre toda a tarde para que cada “centurión” acompañe os seus “lexionarios” polos exteriores máis representativos de Roma Fontana di Trevi, Piazza Spagna, Piazza Navona, Basílica de San Pedro del Vaticano, etc. Dado que é sábado aproveitaremos para cear polo centro. Evidentemente, se nos acompaña algún profesor ou profesora que non coñeza suficientemente Roma contará co asesoramento do coordinador.

Domingo 11:

Mañá : visita guiada a Ostia Antica. O desprazamento ao sitio arqueolóxico farémolo en transporte público (non incluído no prezo da viaxe) dado que está a algúns quilómetros de Roma.

Tarde: dado que actividade da mañá non é excesivamente intensa, esta é unha tarde perfecta para visitar libremente algún/s museos de Roma ou lugares de interese arqueolóxico. Contades co asesoramento do coordinador para calquera información que precisedes.

Luns 12:

Mañá : visita guiada a Colosseo – Palatino – Foros.

Tarde: libre para que cada profesor leve ao seu alumnado a visitar relaxadamente sitios do seu interese, dado que a experiencia dinos que é unha mañá esgotadora.

Martes 13:

Mañá: excursión en bus guiada ás Necrópoles etruscas do norte do Lacio: Cerveteri e Tarquinia, incluídas na lista do Patrimonio Mundial da Unesco, que nos permitirá desfrutar con plenitude do apaixonante (e descoñecido en xeral) mundo dos etruscos.

Tarde: Ao retorno, última tarde en Roma. Tempo libre, perfecto para algunha compra ou visita curta.

Mércores 14:

Mañá: saída moi cedo cara a Nápoles, e visita guiada de Herculano, que completa xunto á visita a Ostia un panorama moi completo do mundo das cidades romanas. De seguido visitaremos a fastuosa Vila Oplontis ou Vila de Poppea Sabina, Patrimonio Mundial da Unesco ela soíña por exhibir en directo as pinturas murais mais belas do mundo romano.

Tarde: Visita ao Museo Archeologico Nazionale de Nápoles.

Para rematar esta xornada, aloxamento no Hotel Nuvò****, situado no tranquilo e nada perigoso barrio de Fuorigrotta, que será a nosa base de operacións para mergullarnos na apaixoante Campania romana durante os últimos días da nosa expedición.

Xoves 15:

Mañá: Excursión ao recinto arqueolóxico en museo de Paestum, Patrimonio Mundial da Unesco e todo un mito para os amantes das clásicas, que nos permitirá mergullarnos no corazón da Magna Grecia.

Tarde: á volta, tempo libre para facer visitas ad libitum no fastuoso centro histórico de Nápoles.

Venres 16:

Visita de todo o día á área arqueolóxica e volcánica dos Campos Flegreos, con nomes que farán voar a nosa fantasía como amantes do mundo clásico como Cumas (teredes ocasión de preguntar á Sibila o que vos interese), o lago Averno (estamos negociando unha baixada aos Infernos a ver se alguén aparece cun escudo que nos indique o noso futuro), Baia, Miseno, etc.

Sábado 17:

Mañá: Unha novidade moi importante desta viaxe é que regresamos a Lavacolla (vía Madrid) dende Nápoles, co que nos aforramos a molestia de ter que ir en bus ata Roma, como hai dous anos.
É importante salientar que este programa pode verse afectado por varias causas: climatoloxía, dispoñibilidade de guías, imprevistos ou algunha mellora que se poida facer.

PREZO:

Será de 739 € para habitacións múltiples (795 € en dobres e 948 € en individual). O custo é practicamente o mesmo que o da viaxe de Grecia e, tratándose de Italia, na que cada dous anos esta organización leva un susto con aumentos de prezos e taxas por todas partes e, vistos os servizos, podemos considerar o prezo final para os alumnos algo tan digno de admiración como as belezas que imos visitar.
Como en anos anteriores, a nosa axencia B the Travel Brand porá a disposición dos alumnos participantes rifas para obter fondos para a viaxe.
O prezo inclúe: Avión Lavacolla-Roma e Nápoles – Lavacolla, Hoteis de **** e *** en réxime de aloxamento-almorzo; autocar, entradas, guías, auriculares en algunha visita e os 25 euros por persoa en concepto “ecotaxa” dos Concellos de Roma e Nápoles (4 e 3 euros diarios respectivamente). Igualmente inclúe seguro de viaxe para os pasaxeiros.
Non inclúe os billetes de metro – bus por Roma e Nápoles e o tren a Ostia, o resto das comidas do día e o prezo das entradas das visitas de pago que se poidan facer no tempo libre.
O orzamento está calculado para un mínimo de 45 persoas. Se non as cubrísemos teriamos que facer recortes nas actividades ata cadrar os números (ou alternativamente, aumentar o prezo).

INSCRICIÓN:

É moi importante ler con atención todo o que se di a continuación:
Os profesores responsables deberán inscribirse e inscribir os seus alumnos cubrindo o formulario que aparecerá na WEB de Seecgalicia dende as 15:00 horas do mércores 8 de novembro de 2017 ata as 24.00 do mércores 15 dese mesmo mes. É necesario cubrir unha inscrición por alumno, sendo o límite posible para cada grupo de 12 inscricións, (11 alumnos e 1 profesor)
Atenderanse as solicitudes por orde de inscrición tendo preferencia os profesores socios de SEEC Galicia cos seus grupos de alumnos e tendo preferencia igualmente os profesores socios que se puxeran en contacto co coordinador antes do 8 de novembro para informar da súa intención de participar e comunicar o número de participantes no seu grupo. Igualmente, dentro deste grupo de profesores, terán preferencia os que inscribiran os seus alumnos durante as primeiras 24 horas do proceso.
É moi importante que fagades entender aos vosos alumnos que que se fale dun número máximo de 11 alumnos (e un profesor) non implica necesariamente que poderán ir os 11, pois loxicamente se hai mais solicitantes que prazas, desgraciadamente algún quedará sen ir. Queremos advertirvos que a marabillosa situación do ano anterior en Grecia (dous buses polo mesmo prezo, etc.) non se vai dar esta vez de ningunha das maneiras, dados os prezos terribles destes servizos en Italia. É mellor ser claro neste sentido. Así mesmo aconsellamos que os profesores definan a priori os criterios de selección que deberían aplicar no infortunio de que algún inscrito seu non poida ter praza e que os seus alumnos ditos criterios.
De non completarse o número de prazas con alumnos de secundaria poderán ser admitidos outros participantes seguindo esta orde de prelación:
1. Alumnos socios de SEEC Galicia. (Trátase de favorecer aos que teñen menos recursos para acceder a este tipo de viaxes).
2. Resto dos socios de SEEC Galicia (profesores sen alumnos e outros).
3. Profesores non socios da SEEC con alumnos.
4. Non socios, que terán que pagar un extra de 30 euros. (Posibles acompañantes de socios están incluídos dentro deste grupo).
Todas as incidencias referidas ao proceso de inscrición serán oportunamente comentadas aos profesores, como é norma habitual da casa.
Email de contacto co coordinador: . Para evitar suspicacias, o correo enviado será sempre a proba do contacto previo establecido.

FORMA DE PAGO:

Os profesores admitidos deberán proceder da seguinte maneira:

PRIMEIRO PRAZO: cada instituto participante deberá ingresar a cantidade de 150€ por participante na conta da axencia B. THE TRAVEL BRAND que se indicará no seu momento, indicando no concepto da transferencia: OPERACIÓN AVERNO SEECGALICIA, antes do 5 de decembro. Neste sentido, avisade aos vosos eficientes secretarios de instituto de que a axencia so emitirá unha factura ao final do segundo pago e que vos daremos as instrucións pertinentes para que a poidades solicitar directamente, sen ter que actuar nós de intermediarios.
Este diñeiro cobrarase como “garantía” de aceptación da viaxe e para facer as reservas oportunas e non poderá ser reintegrado se o alumno que cause baixa non é substituído por outro.

SEGUNDO PRAZO: os 589€ (645 ou 798 no seu caso) restantes hai que ingresalos na conta na mesma conta no prazo que ela estableza, pero con antelación suficiente para emitir as tarxetas de embarque.

ROGO FINAL

Dirixido sobre todo a profesores que poidan vir por primeira vez. Intentade aclarar ben ao voso alumnado que será unha viaxe cultural; non unha viaxe para falar toda a noite no hotel (e aínda menos saír de noite) e despois ter que tirar da xente polas rúas de Roma ou Herculano. Trátase dunha viaxe de estudos, cun programa intenso, como podedes ver, e no que esperamos dos nosos alumnos o máximo aproveitamento.
Non é necesario recordar que os alumnos estarán baixo a responsabilidade directa dos seus profesores e coa obriga de cumprir escrupulosamente as normas que os respectivos centros teñan contempladas nas súas NOF. En todo caso, os coordinadores reclamaremos aos profesores participantes o seu cumprimento, incluso a nivel sancionador, en caso de observarmos condutas gravemente prexudiciais para o desenvolvemento das nosas actividades.