SEECGalicia

Reunión cos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia

Xosé Carracedo, Susana Losada e Xurxo Souto, Presidente, Membro da Xunta Directiva e Socio respectivamente de SEEC-Galicia, reuníronse onte, 7 de outubro de 2021, con representantes dos tres grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia para tratar principalmente dos seguintes temas:
1. O problema da creación de grupos de materias con menos de 5 alumnos. Susana Losada, profesora de Grego no IES de Melide puido falar do caso do seu centro, no que este curso se prohibiu a creación de grupos, pero logo se reverteu a decisión, e Xurxo Souto, profesor de Latín e Grego no IES Gregorio Fernández de Sarria, puido presentar o caso do seu centro, no que non se cambiou a prohibición de crear grupos. É necesario evitar a situación de desconcerto producida neste curso e garantir de forma estable a creación de grupos de materias de menos de 5 alumnos sempre que no centro haxa dispoñibilidade de profesorado específico.
2. A necesidade no momento actual de que as autoridades educativas apoien e defendan a presenza das Humanidades en xeral e dos Estudos Clásicos en particular no ensino secundario e de bacharelato.
3. En relación tamén cos dous aspectos anteriores, a obriga de garantir unha mínima igualdade de oportunidades prestando especial atención aos centros de estudo, xeralmente máis pequenos, do contorno rural.