Durante as vacacións de Entroido, desenvolveuse con rotundo éxito a nosa Operación Atena, viaxe na que visitamos Atenas, os recintos arqueolóxicos máis salientables do Peloponeso e Delfos. Tivemos un record de participantes (72) e contamos coa presenza dos IES Eusebio da Guarda, Menéndez Pidal e Elviña de Coruña, María Casares de Oleiros, Xulián Magariños de Negreira, Illa de Tambo de Marín, Moaña e Maceda. Cabe destacar o entusiasmo dos alumnos participantes e o seu exquisito comportamento que mereceu as loubanzas dos nosos guías, do persoal dos hoteis e de diversos pasaxeiros dos voos. Todo isto anímanos a seguir traballando no que é unha experiencia única entre as diversas seccións da SEEC de España: as viaxes a Grecia e Italia enfocadas primordialmente a alumnos de secundaria. Moitas grazas pola vosa participación e apoio.
De seguido deixámosvos coa crónica que fixeron da viaxe os alumnos Silvia López e Jorge Riveiro do IES Elviña. Os interesados en ver máis fotos e comentarios da viaxe poden consultar o hashtag #ateneagalaica de Twitter.
Este ano tivemos a sorte de cruzar as portas da primavera en Grecia, de adorar a cultura grega que tanto nos enche, define e identifica, de coñecernos un pouco máis en cada paso que dabamos, de respirar un aire tan lonxano e cercano á vez.
A nosa aventura comeza adentrado o día 26 de febreiro, coa luz do amencer dun día que lembraremos polo resto dos nosos días.
Comezamos a viaxe coa visita da enorme, caótica e tumultuosa pero cativadora capital helena, Atenas. Nesta fermosa cidade, berce da nosa civilización, paseamos cansos baixo a choiva na nosa primeira noite en territorio grego. Poidemos observar as marabillas do centro da cidade como a catedral ou as grandes prazas onde fomos enamorándonos a primeira vista da cultura helena. Tras unha primeira noite de nervios e amizades por facer, chegou o noso segundo día na capital. O día anterior xa nos impactara a súa impoñente vista dende a cidade ou a azotea do hotel, pero ese día tocaba visitala: a Acrópole. Deixarse embaucar polas súas falsas liñas rectas, tan perfectamente explicadas polo noso magnífico guía Spyros, é algo imposible de contar. Pola tarde subimos nun teleférico ó monte Licabito, dende onde poidemos contemplar a inmensidade ateniense.
O día seguinte comezou a nosa expedición polo Peloponeso, empezando no canal de Corinto, o gran teatro de Epidauro, con representación en directo dos actores de Noite Bohemia e os restos ciclópeos da cidade de Micenas, rica en ouro. Tras ver o atardecer xunto ao mar de Nauplia dirixímonos ao hotel de Tolo, onde descansamos cunhas preciosas vistas ó mar. Espertamos coas enerxías renovadas para visitar a cultura guerreira de Esparta e a descoñecida pero impactante cidade bizantina de Mystrás, cuxas asombrosas igrexas nos conmoveron a todos. Pola tarde retrocedemos no tempo cando fomos presentar os nosos respetos ao lexendario heroe espartano, Leónidas. Rematamos o día facendo unha parada no mítico monte Taygetos, onde os antigos espartanos precipitaban os nenos que non servían para o combate. Durmimos no luxoso hotel de Kalamata, onde disfrutamos dunha noite repleta de fútbol.
Xa descansados esperábanos un día repleto de novos coñecementos e impoñentes monumentos da infravalorada cidade de Mesenia, que a pesar de non ser un gran destino turístico, sorprendeunos positivamente grazas á súa gran beleza e ás explicacións tan cheas de humor por parte de Spyros. Despois desta interesante visita, fixemos unha parada de camiño a Olimpia na fermosa praia de Zakháro, onde vimos por primeira vez as preciosas augas cristalinas do mar Xónico. Xa pola noite paseamos pola pequena vila de Olimpia, onde poidemos comprar agasallos para os nosos seres queridos.
Tras descansar nesta pequena vila preparámonos para visitar a orixe dos nosos xogos olímpicos, a antiga polis de Olimpia. Alí vimos o ximnasio onde os atletas se entrenaban, a escola onde se recibía e impartía clase, o altar no que se encende a antorcha olímpica todos os anos e por último, o estadio olímpico onde, como os atletas da antigüedade, competimos pola coroa de loureiro. En Olimpia tamén visitamos o museo no que se encontran famosas esculturas do mundo grego como as de Cleobis e Bitón ou a peza estrela do lugar, o Hermes co neno Dioniso. Despedímonos do Peloponeso dirixíndonos ó noso novo destiño, Delfos. Eso sí, parando polo camiño na histórica praia de Lepanto, na que gozamos de novo dunhas espectaculares vistas e dun tamén espectacular xeado. Chegando a Delfos, quedamos completamente namorados das súas impresionantes e abraiantes paisaxes, máis propias dos nosos mellores soños que da realidade. Tras a noite en Delfos, repleta de paseos nocturnos e charlas ata a madrugada, fomos ver o recinto arqueolóxico deste lugar paradisíaco, onde gozamos dun magnífico museo, que entre outras obras tiña o famoso Auriga de Delfos. Fóra, demos unha volta polo Oráculo, onde no final do percorrido, nos purificamos coas augas da Fonte de Castalia. Ademais vimos de cerca o Tholos de Delfos, único na súa especie. Antes de retornar a Atenas para pasar o noso último día de viaxe alí, comemos nun estupendo restaurante onde por última vez disfrutamos das típicas comidas gregas como a mousaka.
Chegamos a Atenas co tempo suficiente para realizar as últimas compras e para facer o último paseo pola capital dos nosos soños. Desta maneira, chegou a derradeira noite da viaxe, que sempre recordaremos polas risas ata altas horas da madrugada, as bromas que nos facían estoupar a rir coma nenos pequenos, a última vista da Acrópole dende a azotea do hotel… Cansos como estabamos despois de case non durmir, visitamos a maña seguinte o interesante Museo Arqueolóxico de Atenas, que a pesares do noso cansazo, logrou conmovernos tanto como o primeiro día da viaxe. Horas despois atopabámonos no avión de volta a casa, tristes pola nosa marcha dese país que nos namorou e emocionou tanto. Voltamos aos nosos fogares repletos de agasallos e coa mente chea de recordos inolvidables e experiencias únicas e eternas que permanecerán nas nosas memorias polo resto das nosas vidas, deixando en nós o desexo de retornar ao lugar ode unha vez fomos tan felices.
Lois
Que sorte, Silvia e Jorge. Por ter a posibilidade de ver un sitio tan especial dentro da nosa cultura, por ter unha pofe tan entusiasta que posibilita esta viaxe, por… ser vós unhas persoas entusiasmadas co noso pasado-presente-futuro. Ánimo e bicos