SEECGalicia

Clausura do Festival de Teatro Clásico 2012

Os días 18, 19 e 20 de maio celebrouse a clausura nacional dos Festivais de Teatro Grecolatino de Prósopon. Este ano os organizadores do Festival das Baleares foron os anfitrións na illa de Menorca, onde recibiron aos representantes das 11 sedes que integran o circuito. En representación da nosa sede, a SEEC Galicia, acudiron a tesoreira Teresa Amado e o secretario Juan Manuel Casal.

O día 18, na biblioteca municipal de Mahón, reuníuse a xunta xeral e entre outras cousas acordou nomear socio de honra de Prósopon á Institución do Teatro Principal de Palma, pola súa colaboración continuada e desinteresada aos festivais. O día 19 pola mañá os organizadores de toda España visitaron os xacementos talaióticos máis importantes da illa, guiados polo arqueólogo Octavi Pons.

Pola tarde o claustro do convento de S. Francisco, que acolle o museo de historia de Mahón, foi o escenario do acto oficial de clausura, ao que asistiron autoridades autonómicas e locais, así como numeroso público vencellado aos festivais ou aos centros de ensino das illas. Un concerto de música de cámara polo grupo Gaudium Musicae foi o espléndido remate do día.
O domingo 20 fíxose a visita a Ciutadella que conserva importantes pegadas dun pasado nobre. Ao mediodía despedímonos ata o 22 de setembro, data na que xa deberemos ter programado o festival do 2013.