Probabelmente sexa a viaxe máis completa de todas as que organizou SEECGalicia a Italia. Acompañounos a sorte. Gozamos dunha extraordinaria temperatura durante toda a semana tanto no sur (Pompeia) como no norte (Florencia) e non digamos deambulando por Roma.
A sorte foi maior se pensamos que só oito días antes caera en Italia a “nevada do século”, que Roma estivera pechada ao tráfico, que o Coliseo non se puido visitar e que toda Italia quedara baixo un manto de neve superior aos 30 cm. de media. En numerosas ocasións vimos os bordos das estradas cheos de neve apilada, ata nos xardíns da Galleria Borghese se vían restos da nevada.
Así pois, coa aquiesciencia dos deuses capitolinos puidemos realizar o 100% do programa previsto; mesmo máis.
Corrixíronse plans de anos anteriores; así, por exemplo, dedicamos catro horas íntegras para ver Pompeia (domingo 19). A promoción deste ano (da man dunhas excelentes guías) puido ver a cidade con toda a calma do mundo, comezando polo Anfiteatro e acabando na Casa dos Misterios; Nápoles deunos para pouco máis que para degustar as famosas e ricas pizzas napolitanas.
Algo polo estilo sucedeu en Florencia (xoves 23). Alugamos un autocar con “dous condutores”; iso permitiunos ver pola mañá a Academia, a Tumba dos Médici e a Santa Croce; pola tarde houbo tempo suficiente para ver a Catedral e, sobre todo, pasear tranquilamente polas rúas florentinas e gozar da súa apacibilidade.
Os días de Roma foron intensos e cheos de vivencias; puidemos cumprir todos os obxectivos “oficiais”: Vaticanos (luns 20), a “Roma externa” (martes 21), Galleria Borghese (mércores 22), coa marabillosa exposición de obxectos traídos de Louvre, noutro tempo “comprados” por Napoleón á propia Galleria; finalmente, a mañá do venres dedicámola integramente (5 horas) a Foros- Palatino-Capitolio.
Os diversos “ocos” da semana foron aproveitados de forma individual polos institutos participantes para “perderse” por Roma e visitar “por libre” as “mil e unha cousas” de Roma. Desde a obrigada visita á Fontana ou Piazza Navona, pasando polos Museos Capitolinos, San Pietro, Santa María Maggiore, Ara Pacis, Catacumbas, etc, ect, etc.
Evidentemente, quedou tempo para pasar a “tarde-noite” do venres no Trastevere, onde os alumnos gozaron do “ambiente romano” e onde os profesores celebramos un pequeno claustro no restaurante Ao Fontanone.
Nin que dicir ten que foi unha semana que “soubo a pouco” e que o alumnado volveu con ganas de “repetir” viaxe, conscientes do moito que aínda lles quedaba por ver e por gozar de Italia.
Afortunadamente, este ano tamén o comportamento do alumnado foi exemplar e non tivemos ningún tipo de problemas.
En definitiva, unha viaxe para enmarcar e colgar para o recordo.