SEECGalicia

Festival de teatro grecolatino de Lugo 2008

A Delegación de Galicia da SEEC organiza por oitava vez o Festival de Teatro Grecolatino, que terá lugar en Lugo os días 3, 4, 5 e 6 de marzo de 2008. As datas elixidas, quizais non as mellores, non dependeron de nós, senón da dispoñibilidade do auditorio.

Ó longo destes anos o festival foi medrando, gracias ó interese e esforzo dos profesores que acollen esta iniciativa cada vez con máis entusiasmo. Cada ano batemos récords de público que nos levaron a ter que facer sucesivas ampliacións. Malia todo sempre quedan centros sen poder asistir por falta de prazas. Para tratar de que isto non pase, facemos o esforzo de programar catro días de teatro, repetindo algunha das representacións para que todos os que o desexen teñan a posibilidade de velas.

Nesta edición hai que lamentar a ausencia do Grupo Sardiña, co que contamos desde o primeiro festival, porque botou definitivamente o telón ó rematar o curso pasado. Desde aquí o noso agradecemento para eles por todo o que nos teñen axudado e por os bos momentos que nos fixeron pasar.

Este ano contaremos coa presenza do grupo Helios de veteranos do IES Carlos III de Madrid, xa ben coñecido doutros anos e acredor de moitos premios nacionais e internacionais, e dámoslle a benvida a este festival ó grupo do IES Río Miño de Rábade, gañador do terceiro premio de comedia do festival de Segóbriga 2007, ó grupo Prósopon do IES de Guitiriz, e ó grupo de teatro do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, ambos cunha traxectoria importante.

Facendo un gran esforzo poderemos ter con nós por primeira vez un grupo totalmente profesional, con actores ben coñecidos e unha traxectoria prestixiosa. Trátase da compañía Arela das Artes, de Vigo, que pon en escena una espléndida Ifixenia en Áulide, con música en directo (arpa e óboe) composta para a obra.

Esperamos que nos próximos anos todos sigan colaborando con nós e que vaiamos tendo noticias doutros grupos cos que podamos contar en sucesivas edicións.< Finalmente agardamos que todos vós respondades á nosa convocatoria co entusiasmo de sempre. Grazas e levántase o telón.