COORDINADOR
Fernando Domènech Rey
DATAS
18 a 25 de febreiro de 2023
PRAZAS
Ofertaranse 50 PRAZAS. O número mínimo é de 45. Os solicitantes que excedan este número pasarán a formar parte dunha lista de espera que se irá actualizando en función das eventuais baixas.
PROGRAMA
O programa é moi novidoso, é un vello proxecto ideado durante a última viaxe de 2019, e que a pandemia impediu realizar durante os dous últimos anos. Como indica o seu nome, “Operación Alexandros”, quixemos incorporar, por vez primeira nas nosas viaxes, a Macedonia de Filipo e Alexandre Magno, visitando os seus sitios arqueolóxicos máis relevantes. A optimización do tempo e do presuposto levounos esta vez a comezar por Delfos e acabar por Atenas. Tedes información de todas as novidades nas correspondentes ligazóns.
Sábado 18
Saída dende A Coruña no primeiro voo da mañá; conexión en Madrid para continuar a Atenas. Unha vez recollidas as equipaxes, subiremos ao autocar co noso guía, que nos levará directamente a Delfos. Aloxamento no hotel Delphi Acropole 3***.
Domingo 19
– Mañá: Visita a Delfos.
– Tarde: Dirixirémonos cara a Kalambaka (Meteora).
– Aloxamento no hotel Famissi Eden 3***.
Luns 20
– Mañá: Visita aos mosteiros de Meteora.
– Tarde: Dirixirémonos cara a Tesalónica.
– Aloxamento no hotel Mandrino (ou Astoria ou similar) 3***.
Martes 21
– Mañá: á primeira hora visitaremos a espectacular tomba de Agios Athanasios. O resto da maña e tarde visitaremos a vila de Tesalónica e os seus museos.
– Aloxamento no hotel Mandrino (ou Astoria ou similar) 3***.
Mércores 22
– Mañá: Visita dos sitios arqueolóxicos de Pela e Vergina.
– Tarde: Saída cara a Volos.
– Aloxamento no hotel Aegli 3*** (ou similar).
Xoves 23
– Mañá: Visita ao Museo de Volos. Saída cara a Tebas e visita do seu moderno museo, inaugurado nos últimos anos.
– Tarde: viaxe cara a Atenas.
– Aloxamento no hotel Crystal 3*** (ou similar).
Venres 24
– Mañá: visita á Ágora, Acrópole e Areópago.
– Tarde: Museo da Acrópole e tempo libre para a visita das zonas máis emblemáticas do centro de Atenas: Plaka, Monasteraki, Psiri, Ágora romana, Syntagma etc.
– Aloxamento no hotel Crystal 3*** (ou similar).
Sábado 25
– A primeira hora da mañá, profesorado e alumnado visitarán libremente o Museo Arqueolóxico Nacional.
– Saída cara ao aeroporto de Atenas para partir ás 15.00, hora local. En Madrid, conexión con A Coruña, onde chegaremos sobre as 21.00 horas.
IMPORTANTE
O calendario semanal pode verse afectado por varias causas: climatoloxía, suxestións do noso guía para visitar algún lugar de interese nos desprazamentos entre cidades, imprevistos, etc.
PREZO
Será de 935€ en habitacións triplas (1.055 en duplas e 1.180 en individuais). Este prezo inclúe:
– Viaxe en avión (Iberia), taxas aeroportuarias (68€), traslado ao aeroporto de Atenas.
– Autocar privado durante todo o percorrido polo país.
– Aloxamento con media pensión (almorzo e cea) durante toda a viaxe e taxa turística (10.5 € en total por habitación).
– Entradas gratis a todos os recintos estatais aos menores de 18 anos e os profesores acompañantes en exercicio (deberán achegar documento acreditativo dos seus respectivos centros).
– Guía oficial en español e audiófonos durante toda a viaxe. Para os que xa a fixeron en ocasións anteriores, podemos confirmar que se trata máis unha vez do noso querido e admirado Lefteris Gianoulopoulos.
– Seguro de Viaxe con Mapfre asistencia.
Queremos comentar que somos conscientes do prezo da viaxe. En 2019 custou 795 € (en habitación tripla), e agora son 140 € máis. Fixemos o máximo esforzo para axustar o prezo, reservando, por exemplo, os vós cunha antelación maior respecto a ocasións anteriores; mais a ninguén se lle oculta cal é a situación actual do prezo dos carburantes e suba xeral dos prezos pola inflación. Neste caso, o cambio de ruta cara ao norte, apenas influíu nos prezos, sendo moi similares se fixésemos unha ruta semellante ás ultimas ocasións.
En conclusión, como sabedes, todo é relativo, basta comparar o prezo desta viaxe, a súa duración e os servizos que inclúe con outras viaxes escolares ao uso no presente curso para entender o axustado da nosa oferta.
INSCRICIÓN
O profesorado responsable e o seu alumnado deberán inscribirse (unha inscrición por cada participante) cubrindo o formulario que aparecerá na WEB de SEEC Galicia dende as 15:00 horas do xoves 20 de outubro de 2022 ata as 24.00 h do 27 dese mesmo mes. Insistimos: é necesario cubrir unha inscrición por alumno, sendo o límite posible para cada grupo de 11 inscricións, incluídos profesores acompañantes.
Atenderanse as solicitudes por orde de inscrición, tendo en conta que as feitas no mesmo treito horario forman un mesmo pelotón sen distinción de orde. Así mesmo, terán preferencia os profesores socios de SEEC Galicia co seu alumnado, e tendo preferencia igualmente os profesores socios que se puxesen en contacto por correo co coordinador antes do 19 de outubro para informar da súa intención de participar e comunicar o número de participantes no seu grupo. Preténdese así que os participantes saiban se hai superavit de solicitudes antes de inscribirse e non verse sorprendidos a posteriori.
O e-mail de contacto co coordinador é . Para evitar suspicacias, o correo enviado será sempre a proba do contacto previo establecido.
Se algún profesor socio inscribe alumnado sen comunicalo previamente, debe saber que todos os profesores socios que si o fixeron terán preferencia.
De non se completar a oferta de prazas poderán ser admitidos outros participantes seguindo a orde de inscrición e a seguinte orde de prelación:
1. Alumnado socio de SEEC Galicia (trátase de favorecer aos que teñen menos recursos para acceder a este tipo de viaxes).
2. Resto dos socios de SEEC Galicia (profesores sen alumnado e outros).
3. Profesores non socios da SEEC con alumnos (o profesor terá que pagar un extra de 30 euros).
4. Non socios, que terán que pagar igualmente un extra de 30 euros (posibles acompañantes de socios están incluídos dentro deste grupo).
Se, unha vez finalizada a inscrición, hai máis inscritos que prazas dispoñibles, esperaremos a realizar o primeiro pagamento para ver se tal circunstancia se repite. De ser así, publicaremos unha lista de espera para que se vaian suplindo as posibles baixas ata o momento do segundo pago. Queremos dicirvos que xamais se deu a circunstancia de que nin un só alumno/a que quixese ir non puidese facelo finalmente. Esperemos que esta vez sexa así tamén.
FORMA DE PAGAMENTO
Os profesores admitidos deberán proceder da seguinte maneira:
PRIMEIRO PRAZO: ingresar a cantidade de 150€ por persoa na conta que se indicará no seu momento, poñendo no concepto da transferencia: SEECGALICIA 2023 IES (+ nome do instituto), sendo a data límite para facelo o 7 de novembro. Cada IES debe facer un só ingreso co importe correspondente para facilitar os trámites e a emisión da factura correspondente.
Esta cantidade é esixida por Iberia para formalizar definitivamente a reserva dos voos e non será devolta salvo que existan causas moi fundadas de anulación da reserva (accidentes, enfermidades). A anticipación nos tempos, débese a que tamén foron reservados con máis antelación.
SEGUNDO PRAZO
O resto (785€, 905 ou 1.030) será ingresado a comezos de febreiro na mesma conta que se indique para o pagamento do primeiro prazo.
ROGO FINAL
Dirixido sobre todo a profesorado que poida vir por primeira vez. Clarexade ben ao voso alumnado que será unha viaxe cultural; non unha viaxe para falar toda a noite no hotel (e aínda menos saír de noite). Trátase dunha viaxe de estudos, cun programa intenso como podedes ver e no que esperamos do noso alumnado o máximo aproveitamento.
Cómpre recordar que o alumnado estará baixo a responsabilidade directa dos seus profesores e coa obriga de cumprir escrupulosamente as normas que os respectivos centros teñan contempladas nos seus Regulamentos de Réxime Interno. En todo caso, o coordinador reclamará aos profesores participantes o seu cumprimento, mesmo a nivel sancionador, en caso de observar condutas gravemente prexudiciais para o desenvolvemento das nosas actividades.