SEECGalicia

Viaxe a Italia 2020 – Programa

PRESENTACIÓN

Logo do éxito acadado na convocatoria de 2018 decidimos manter a nosa viaxe a terras itálicas dentro dos mesmos parámetros xerais que a inspiraron: dúas bases de operacións (Roma e Nápoles), visitas arqueolóxicas guiadas e tempo libre do alumnado e os seus profesores para veren outras belezas do seu interese, e hoteis en zonas céntricas, perfectamente comunicadas, mais tranquilas e lonxe das terribles concentracións de visitantes.

COORDINADOR

Fernando Domènech Rey

DATAS

22 a 29 de febreiro de 2020

PRAZAS

Ofertaranse 59 PRAZAS. Os solicitantes que excedan este número pasarán a formar parte dunha lista de espera que se irá actualizando en función das eventuais baixas.

PROGRAMA

Sábado 22
Mañá: Lavacolla – Barajas – Fiumicino – Hotel Domus Sessoriana***.
Tarde: segundo a previsión de voos, chegaremos ás 14 h, co que temos libre toda a tarde para que cada “centurión” acompañe aos seus “lexionarios” polos exteriores máis representativos de Roma Fontana di Trevi, Piazza Spagna, Piazza Navona, Basílica de San Pedro del Vaticano, etc. Dado que é sábado aproveitaremos para cear polo centro. Evidentemente, se nos acompaña algún profesor ou profesora que non coñeza suficientemente Roma contará co asesoramento do coordinador.

Domingo 23
Mañá : visita guiada a Colosseo – Palatino – Foros. Aínda que non se abriu o período de reservas, contamos con poder visitar como novidade as Casas de Augusto e Livia.
Tarde: libre para que cada profesor leve ao seu alumnado a visitar relaxadamente sitios do seu interese, dado que a experiencia nos di que é unha mañá esgotadora.

Luns 24
Mañá: Visita á Roma cristiá. Novidade absoluta en todas as viaxes realizadas. Comprenderá o Mausoleo de Sta. Costanza e a Basílica e Catacumbas de Sta. Agnese. De seguido visitaremos as Termas de Caracalla.
Tarde: libre para que cada profesor leve ao seu alumnado a visitar relaxadamente sitios do seu interese. Se algún grupo quixese visitar os Museos Vaticanos, esta é a tarde propicia para facelo, sen esquecer que non é unha visita dentro do programa oficial e que os profesores de ditos grupos terán que xestionar pola súa conta a compra de entradas.

Martes 25
Mañá: excursión guiada en bus á Necrópole etrusca de Cerveteri e deseguido á Vila Adriana en Tivoli, tamén novidade absoluta. Ambos monumentos son Patrimonio da Humanidade Unesco.
Tarde: Ao retorno, última tarde en Roma. Tempo libre, perfecto para algunha compra ou visita curta.

Mércores 26
Mañá: repetimos idéntico o programa de hai dous anos, arruinado pola inclemencias do tempo. Saída moi cedo cara a Nápoles, e visita guiada de Herculano. Deseguido visitaremos a fastosa Vila Oplontis ou Vila de Poppea Sabina, Patrimonio da Humanidade Unesco, ela soíña, por exhibir en directo as pinturas murais mais belas do mundo romano.
Tarde: Visita ao Museo Archeologico Nazionale de Nápoles e tempo libre no centro da cidade.
Para rematar esta xornada, aloxamento no Hotel Nuvò****, de gratísimo recordo para todos os que fixemos as dúas últimas viaxes a Italia.

Xoves 27
Mañá: Excursión ao corazón da Magna Grecia, isto é, ao recinto arqueolóxico de Paestum e o seu marabilloso museo, Patrimonio de Humanidade Unesco.
No camiño de volta a Nápoles, faremos unha parada para visitar o centro histórico de Salerno, con tempo libre para unha voltiña e algún refrixerio.

Venres 28
Visita de todo o día á área arqueolóxica e volcánica dos Campos Flegreos, con nomes que farán voar a nosa fantasía de amantes do mundo clásico como Cumas (teredes ocasión de preguntar á Sibila o que vos interese), o lago Averno (estamos negociando unha baixada aos Infernos a ver se alguén aparece cun escudo que nos indique o noso futuro), Baia, Cabo Miseno, etc.
Sábado 29
Mañá: voo de regreso Nápoles-Madrid-Lavacolla.

IMPORTANTE
Este programa pode verse afectado por varias causas: climatoloxía, dispoñibilidade de guías, imprevistos ou algunha mellora que poida xurdir.

PREZO

Será de 750 € para cuartos múltiples (805 € en dobres e 955 € en individual). O custo é practicamente o mesmo que o da viaxe precedente e, tratándose de Italia, coa que cada dous anos esta organización leva un susto con aumentos de prezos e taxas de todo xénero e pelaxe, vistos os servizos, podemos considerar o prezo final para os alumnos algo tan digno de admiración como as belezas que imos visitar. Os socios e adultos que non acompañen alumnos deberán engadir 30 € para poder financiar as súas entradas aos recintos arqueolóxicos, dado que o Estado italiano non lles ofrece gratuidade, aínda que sexan profesores e formen parte deste grupo.
Como en anos anteriores, a nosa axencia B the Travel Brand porá a disposición dos alumnos participantes rifas para obter fondos para a viaxe.
O prezo inclúe: Avión Lavacolla-Roma e Nápoles – Lavacolla, taxas aeroportuarias (54 € por persoa). Hoteis de **** e *** en réxime de aloxamento-almorzo; autocar para os traslados aos aeroportos e para as excursións (incluídas as taxas de entrada do bus na cidade de Roma, uns 7 € por persoa), entradas , guías, auriculares en todas a visitas e os 26 euros por persoa en concepto “ecotasa” dos Concellos de Roma e Nápoles. Outrosí inclúe seguro de viaxe para os pasaxeiros.
Non inclúe os billetes de metro – bus por Roma e Nápoles, o resto das comidas do día e o prezo das entradas das visitas de pago que se poidan facer no tempo libre.
O orzamento está calculado para un mínimo de 50 persoas. Se non as cubrísemos, teríamos que facer recortes nas actividades ata cadrar os números (ou alternativamente, aumentar o prezo).

INSCRICIÓN

É moi importante ler con atención todo o que se di a continuación:

Os profesores responsables deberán inscribirse e inscribir aos seus alumnos cubrindo o formulario que aparecerá na páxina web de SEECGalicia dende as 15:00 horas do mércores 13 de novembro de 2019 ata as 24.00 do mércores 20 dese mesmo mes. Cómpre cubrir unha inscrición por alumno, sendo o límite posible para cada grupo de 12 inscricións, (11 alumnos e 1 profesor).
Atenderanse as solicitudes dando preferencia aos profesores socios de SEECGalicia cos seus grupos de alumnos que se puxeran en contacto co coordinador antes do 13 de novembro para informar da súa intención de participar e comunicar o número de participantes do seu grupo e que deseguido inscriban os seus alumnos durante as primeiras 24 horas do proceso.
É moi importante que fagades entender aos vosos alumnos que que se fale dun número máximo de 11 alumnos (e un profesor) non implica necesariamente que poderán ir os 11, pois loxicamente, se hai mais solicitantes que prazas, desgraciadamente algún quedará sen ir. É mellor ser claro neste sentido. Así mesmo aconsellamos que os profesores definan e expliquen claramente os criterios de selección que deberían ser aplicados no infortunio de que algún inscrito seu non tivese praza.
De non completarse o número de prazas con alumnado de secundaria poderán ser atendidas outras solicitudes, por orde de inscrición e seguindo esta orde de prelación:

1. Alumnos socios de SEECGalicia. (Trátase de favorecer aos que teñen menos recursos para acceder a este tipo de viaxes). Terán preferencia dentro deste grupo os que nunca fixeran esta viaxe.
2. Resto dos socios de SEECGalicia (profesores sen alumnos e outros). Terán preferencia dentro deste grupo os que nunca fixeran esta viaxe.
3. Profesores non socios da SEEC con alumnos.
4. Non socios, que terán que pagar un extra de 30 euros ademais dos 30 euros por compra de entradas. (Posibles acompañantes de socios están incluídos dentro deste grupo).

Todas as incidencias referidas ao proceso de inscrición serán oportunamente comentadas aos profesores, como é norma habitual da casa.
O e-mail de contacto co coordinador para comunicacións previas e dúbidas é . Por favor, iniciade os contactos a partir do luns 4 de novembro; imos procurar todos descansar durante a Ponte de Defuntos, que ven merecido o temos.

FORMA DE PAGAMENTO

Os profesores admitidos deberán proceder da seguinte maneira:
PRIMEIRO PRAZO: cada instituto participante deberá facer un único ingreso de 150€ por participante (profesor incluído) na conta que se comunicará no seu momento, indicando no concepto da transferencia: OPERACIÓN SIBILA SEECGALICIA, antes do 10 de decembro. De todo ingreso que se faga poderase obter a correspondente factura. Nós darémosvos as instrucións pertinentes para que a poidades solicitar directamente, sen ter que actuar nós de intermediarios.
Este diñeiro cobrarase como “garantía” de aceptación da viaxe e para facer as reservas oportunas e só poderá ser reintegrado no caso de que o alumno/a que cause baixa sexa substituído por outro.
SEGUNDO PRAZO: os 600€ (755 ou 805 no seu caso) restantes hai que ingresalos na mesma conta no momento que se indique do mes de febreiro.

ROGO FINAL
Dirixido sobre todo a profesores que poidan vir por primeira vez. Intentade clarexar ben ao voso alumnado que será unha viaxe cultural; non unha viaxe para falar toda a noite no hotel (e aínda menos saír de noite) e despois atopar un grupo de rapaces cansos e desinteresados nas verdadeiras fins sa viaxe. Trátase dunha viaxe de estudos, cun programa intenso, como podedes ver, e no que esperamos do noso alumnado o máximo aproveitamento.
Non é necesario recordar que os alumnos estarán baixo a responsabilidade directa dos seus profesores e coa obriga de cumprir escrupulosamente as normas que os respectivos centros teñan contempladas nas súas N.O.F. En todo caso, SEECGalicia reclamará aos profesores participantes o seu cumprimento, mesmo a nivel sancionador, en caso de observar condutas gravemente prexudiciais para o desenvolvemento das nosas actividades.