PRESENTACIÓN
SeecGalicia organiza unha nova viaxe a Italia en febreiro de 2024, OPERACIÓN PARTÉNOPE, para profesores e alumnado de clásicas de centros de ensino secundario de Galicia.
COORDINADOR
Fernando Domènech Rey e María Carballeira
DATAS
10 a 17 de febreiro de 2024
PRAZAS
Ofertaranse 55 PRAZAS. Como xa se anunciou por carta ás personas socias, non existe ningunha posibilidade de ampliar dito número, e teremos que nos adaptar estritamente a el.
PROGRAMA
Sábado 10
Mañá: Lavacolla/Alvedro – Barajas – Fiumicino – Traslado a Hotel San Pietro***.
Tarde: segundo a previsión de voos, chegaremos con tempo abondo para termos libre toda a tarde para pasear libremente polos exteriores máis representativos de Roma Fontana di Trevi, Piazza Spagna, Piazza Navona, Praza de San Pedro, etc.
Domingo 11
Mañá : visita con guía a Coliseo – Palatino – Foros imperiais.
Tarde: libre para que cada profesor/a leve o seu alumnado a visitar relaxadamente sitios do seu interese, dado que a experiencia nos di que é unha mañá esgotadora.
Luns 12
Xornada condicionada polo peche en luns de case todos os recintos que poden ser do noso interese.
Mañá: Visita libre aos Museos Capitolinos, que completará magnificamente a visita do día anterior.
Tarde: Visita con guía á Roma cristiá. Comprenderá o Mausoleo de Sta. Costanza e a Basílica e Catacumbas de Sta. Agnese.
Martes 13
Mañá: excursión con guía en bus á Necrópole etrusca de Cerveteri. Pausa para picnic.
Tarde: visita á Necrópole etrusca de Tarquinia. De regreso a Roma, tempo libre no centro histórico.
Mércores 14
Mañá: partiremos cedo cara a Nápoles, con parada en Santa María Capua Vétere para visitarmos sen guía os seus renomados anfiteatro e mitreo. Despois dun pequeno picnic, proseguiremos a ruta cara á capital campana.
Tarde: Visita sen guía ao Museo Archeologico Nazionale de Nápoles.
Para rematar esta xornada, aloxamento no Hotel Nuvò****, de gratísimo recordo doutras viaxes.
Xoves 15
Mañá: Visita guiada de Herculano. Pausa para picnic.
Tarde. Visita guiada a Pompeia. Volta a Nápoles e, se quedan folgos, tempo libre no centro histórico.
Venres 16
Visita de todo o día á área arqueolóxica e volcánica dos Campos Flegreos, con nomes que farán voar a nosa fantasía de amantes do mundo clásico como Cumas (teredes ocasión de preguntar á Sibila o que vos interese), o lago Averno, Piscina Mirabilis, Baia, Cabo Miseno, etc.
Sábado 17
Mañá: Traslado ao aeroporto de Roma e voo de regreso de todo o grupo a Lavacolla, con escala en Madrid.
É importante salientar que este programa pode verse afectado por varias causas: climatoloxía, dispoñibilidade de guías, imprevistos ou algunha mellora que poida xurdir.
PREZO
Será de 890 € para habitacións múltiples (930 € en dobres e 1070 € en individual). Os adultos que non acompañen alumnado (socios ou non) deberán engadir 30 € para poder financiar as súas entradas aos recintos arqueolóxicos, dado que o Estado italiano non lles ofrece gratuidade, aínda que sexan profesores e formen parte deste grupo.
Como en anos anteriores, a nosa axencia B the Travel Brand porá a disposición do alumnado participante rifas para obter fondos para a viaxe.
O prezo inclúe: Avión Alvedro/Lavacolla (poderase elixir aeoroporto na ida) − Roma, e Roma − Lavacolla (a volta é exclusivamente por Lavacolla), taxas aeroportuarias (65.54 € por persoa). Hoteis de **** e *** en réxime de aloxamento-almorzo; autocar para os traslados aos aeroportos e para as excursións (incluídas as taxas de toda entrada do noso bus na cidade de Roma, uns 7 € en total por persoa), entradas , guías, auriculares nas visitas que os precisen, e os 24 e 13.50 € por persoa en concepto “ecotasa” dos Concellos de Roma e Nápoles respectivamente. Tamén inclúe seguro de viaxe.
Non inclúe os billetes de metro ou bus por Roma e Nápoles, o resto das comidas do día e o prezo das entradas das visitas de pago que se poidan facer no tempo libre.
O orzamento está calculado para un mínimo de 50 persoas. De non seren cubertas, teríamos que facer retallos nas actividades ata cadrar os números (ou alternativamente, e se hai acordo, aumentar o prezo).
INSCRICIÓN
É moi importante ler con atención todo o que se di a continuación:
Xa vos comunicamos previamente as condicións draconianas que este ano nos pon a industria turística romana. Pois ben, entre outras cousas, vémonos na obriga de confirmar na mañá do día 17 de novembro se haberá viaxe ou non. Isto sumado ao número limitado de prazas ofertadas lévanos a pedir a vosa colaboración procedendo a preinscribiros da seguinte maneira.
- Durante os días 13 a 16 de novembro pregamos que o profesorado socio comunique aos coordinadores (aos dous) por correo electrónico (e en CC ) a vosa intención de participar na viaxe con alumnado voso. Non é preciso facelo antes desa data, o que si é preciso que comuniquedes o que vai ser definitivo no voso grupo, non sondaxes ou prevións. Por iso dade tempo a que se fale da viaxe tranquilamente nas casas, e comunicade a vosa inscrición a partir do día 13.
- Podedes comunicar inicialmente que tedes un grupo de ata 5 alumnos/as e un profesor/a acompañante.
- Deste xeito, o 17 de novembro pola mañá poderemos confirmar á axencia que seguimos adiante sen que nos penalicen por pasar ese día sen confirmalo.
- Deseguido, comunicaremos ao profesorado que fixo esta preinscrición se hai peticións de máis ou, se polo contrario quedan aínda prazas libres.
- Se non se cobren todas as prazas, ofertaremos ditas prazas ao profesorado que teña interese en inscribir máis de 5 alumnos, e repartiranse equitativamente.
- Se hai peticións de máis, invitaremos igualmente a todos os grupos a que se inscriban na web, sabendo que algún/s deles pasarán a unha lista de espera.
- O criterio para determinar que grupos terán preferencia neste último caso será a antigüidade na SEEC do profesor/a socio/a. De haber algún empate, o seguinte criterio será o número de viaxes realizadas previamente con SEECGalicia.
- Isto permitiranos ter unha radiografía da viaxe xa antes do día da inscrición na web, e nesta só se porá por escrito o que xa sabemos previamente (no que aos grupos de secundaria atinxe).
- Pedímosvos ao profesorado e ao alumnado, unha vez máis, a máxima seriedade nisto, e que se preinscriba o número de participantes que saiba nesas datas que quere ir, que pode ir, e que vai ter os cartos para ir.
Para o caso de que queden aínda prazas libres non ocupadas polo alumnado de secundaria e o profesorado socio, invitamos coma sempre ao alumando socio da SEEC, a persoas socias da SEEC que viaxen sen alumnado, profesores non socios con alumnado (que pagarían un extra de 30 euros) ou mesmo persoas non socias (que pagarán ademáis deses 30 euros por non pertenceren á SEEC outros 30 euros por compra de entradas). A orde de prelación para esas prazas será exactamente a que acabamos de referir neste parágrafo sumada á orde cronolóxica de inscrición na web.
Os profesores responsables deberán inscribirse e inscribir aos seus alumnos cubrindo o formulario que aparecerá na páxina web de SEECGalicia dende ás 15:00 horas do martes 21 de novembro de 2023 ata as 24.00 do luns 27 dese mesmo mes. Cómpre cubrir unha inscrición por alumno.
O profesorado que comunicou a súa preinscrición debe cumprimentar á inscrición no formulario da web antes das 24 horas do propio día 21. Non facelo causará pasar á lista de espera no caso de que esta exista. Recordade que tedes desde as 15 horas. Hai tempo abondo e orde de inscrición non ten consecuencias durante ese período. Sí que as terá facelo dende as 00.00 horas do día 22.
Todo profesor/a, socio ou non socio, que inscriba alumnado sen participar no proceso de preinscrición debe saber que todo o profesorado que si o fixo ten preferencia absoluta sobre el/a.
Todas as incidencias referidas ao proceso de inscrición serán oportunamente comentadas ao profesorado participante, como é norma habitual da casa.
FORMA DE PAGAMENTO
Os grupos admitidos deberán proceder da seguinte maneira:
PRIMEIRO PRAZO: cada instituto participante deberá facer un único ingreso de 150€ por participante (profesor/a incluído/a) na conta que se comunicará no seu momento, antes do martes 12 de decembro. De todo ingreso que se faga poderase obter a correspondente factura. Nós darémosvos as instrucións pertinentes para que a poidades solicitar directamente, sen ter que actuar nós de intermediarios.
Este diñeiro cobrarase como “garantía” de aceptación da viaxe e para facer as reservas oportunas e só poderá ser reintegrado no caso de que o alumno/a que cause baixa sexa substituído por outro.
SEGUNDO PRAZO: o importe restante haberá que ingresalo na mesma conta contra o final de xaneiro.
ACLARACIÓN FINAL
Dirixido sobre todo a quen participe por primeira vez. Intentade deixar ben claro ao voso alumnado que será unha viaxe cultural; non unha viaxe para falar toda a noite na habitación do hotel (e aínda menos saír de noite). Non queremos atoparnos unha rapazas cansa e desinteresada nas verdadeiras fins da viaxe. Trátase dunha viaxe de estudos, cun programa intenso e cun custo importante, no que esperamos do noso alumnado o máximo aproveitamento.
Cómpre recordar que o alumnado estará baixo a responsabilidade directa do seu profesorado e coa obriga de cumprir escrupulosamente as N.O.F. que os respectivos centros teñan contempladas para as viaxes escolares. En todo caso, SEECGalicia, de observar condutas prexudiciais para o desenvolvemento das nosas actividades, reclamará ao profesorado participante o cumprimento das N.O.F do seu centro, mesmo a nivel sancionador. Igualmente demandará do profesorado implicado tanto que proceda a reclamar ao seu alumnado a compensación correspondente polas perdas ou deterioros nos que puideren incurrir (audífonos, elementos das habitacións dos hoteis, etc.) como que, se for necesario, lle expliquen aos pais e nais correspondentes as razóns polas que lle foi requirida ao seu fillo/a dita compensación