SEECGalicia

OPERACIÓN AVERNO, MISIÓN CUMPRIDA

O pasado sábado 13 rematou con éxito a Operación Averno, Viaxe a Italia que organiza SEECGalicia, coordinada nesta ocasión por Fernando Domènech, co apoio de Teresa Amado. Participaron un grupo de 60 profesores e alumnos dos IES Xulián Magariños de Negreira, María Casares de Oleiros, Eusebio da Guarda de Coruña, Illa de Tambo de Marín e Torrente de Ballester e da USC. Esta é unha breve crónica da viaxe.

SÁBADO 6. 

Voo a Fiumicino dende Alvedro vía Barajas. Comezamos con mal pé porque a nosa coordinadora e unha alumna de Marín quedaron en terra por overbooking, chegando a Roma á hora da cea. Polo menos ese foi o único pagamento que houbo que facer ao infortunio e o resto da viaxe transcorreu sen incidencias salientables. O resto do grupo estaba xa a media tarde polo centro de Roma, gozando dos encantos da recentemente restaurada Fontana di Trevi e dunha cea no animado Trastevere.

DOMINGO 7. 

Visita ao centro histórico de Roma para ir tomando contacto coa Cidade Eterna, facendo especial fincapé nos monumentos romanos, como o Panteón ou os restos do Templo de Adriano, pero tamén nas pegadas urbanísticas como o Estadio de Domiciano, que está dalgún xeito presente na Piazza Navona, tanto no seu nome como na súa forma; ou como o Palazzo Massimo alle Colonne, onde sigue vivo na súa estrutura o Odeón de Domiciano. Despois de xantar, visita aos Museos Capitolinos, a render fervorosa homenaxe á nosa querida Loba Capitolina, o noso querido Espinario e a nosa querida colección interminable de bustos. Tampouco faltamos á nosa cita co dedo colosal de Constantino nin coa marabillosa vista dos Foros dende o Tabellarium.

LUNS 8.

Palatino, Foros e Coliseo. Iniciou o día cunha choiva nada agradable, pero aos poucos minutos do comezo da visita, remitiu para deixarnos un día fantástico. Fomos informados dos últimos achádegos e lamentablemente non puidemos visitar algúns restos relevantes como as casas de Augusto e Livia, pero a visita foi tan intensa como cabía esperar, co Coliseo como cumio da mesma. Despois de xantar, tempo libre onde os alumnos completaron a xornada con visitas propostas por cadanseus profesores.

MARTES 9.

Último día en Roma coa visita ritual ao único museo do mundo que pecha os domingos, os Museos Vaticanos. Polo menos esta vez non tivemos que facer cola antes de entrar nesta particular batalla entre o estrés e o goce estético. Os mais afortunados foron quen de chegar á Basílica antes do peche da porta da Capela Sixtina e poder subir á Cúpula de Miguelanxo. Os menos, tivemos que saír pola entrada, dar a volta a muralla e decatármonos que non tiñamos tempo para compartir a cola con milleiros de fieis que se achegaban a render culto ao Padre Pío, cuxos restos se atopaban estes días no Vaticano. Xa que logo completamos a xornada cun paseo ata Piazza di Spagna pasando por Castelsantangelo, Ara Pacis e Mausoleo de Augusto.

MÉRCORES 10. 

Con tremendo madrugón, comezamos a nosa exploración da Campania Felix, coa visita ao Museo Campano en Capua, no que se atopa unha incrible colección das coñecidas como Matres Matutae, único no mundo e que merece sen dúbida unha paradiña na vila capuana. De seguido, achegámonos a Santa Maria Capua Vetere, que é en realidade a antiga Capua romana, onde se atopan os restos do segundo anfiteatro romano mais grande despois do Coliseo e que ofrece ao visitante a posibilidade de perderse polos seus corredores subterráneos e polos habitáculos onde estaban pechadas as feras que ían participar nos ludi. Algo verdadeiramente emocionante e que non deixou indiferente a ninguén. Ao lado do anfiteatro, atópase Museo dos gladiadores, pequeno pero cheo de encanto e graza, con restos moi interesantes dos bancadas, de armamento real dos gladiadores… Complementa moi ben a visita do anfiteatro. Como colofón, visitamos o Mitreo, perfectamente conservado e lugar perfecto para revivir os misterios dese culto oriental coa axuda das nosas guías.

XOVES 11. 

Visita a Pompeia. Chuvias matinais e tremendo atasco por envorcado de camión non foron quen de modificar os nosos plans. Puidemos ver a Palestra, tantos anos pechada e dúas domus inauguradas polo Primeiro Ministro Renzi un mes antes: a fullonica de Stephanus e a casa de Paquius Proculus, verdadeiramente espectaculares ambas. Despois de xantar, visita guiada ao Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles, un deses sitios que un amante do mundo clásico debería ter a ocasión de ver polo menos unha vez na vida. Xa so a súa arquitectura é impoñente, e xa un queda sen palabras atravesando esas salas marabillosas, cheas de frescos que todos coñecemos polos libros de texto dende a nosa mocidade. Nin que dicir ten que o lupanar en Pompeia e o mundialmente coñecido gabinetto segreto non MNAN fixeron as delicias deses mozos tan curiosos que levábamos no noso numeroso grupo, e dos profes tamén, faltaría…Para finalizar día tan glorioso, un paseo polo centro histórico de Nápoles, animadísimo, coma sempre.

VENRES 12.

Comezamos a nosa xeira polos Campos Flegreos coa visita do Rione Terra. Esta visita convertérase para quen escribe estas liñas nunha especie de fillo desexado que nunca chegaba, pois o permiso definitivo para visitalo chegou exactamente o mércores 10. Pero igual de ansiado e esperado foi de xeneroso e admirable no que tiña que nos mostrar nas súas entrañas, pois o que se atopa debaixo de todo ese barrio e unha cidade romana en perfecto estado de conservación do que polo de agora so se pode visitar o 20% do que se supón que será a total. A visita a Catedral de Pozzuoli, metade iglesia barroca, metade templo marmóreo de Augusto, culmina unha visita que quita verdadeiramente o respiro.Pero non conformes con isto, fomos cara Cumas, bordeando o Lago Averno co bus. Hai que recoñecer que neste día ademais de restos arqueolóxicos de primeirísima orde, gozamos dunhas paisaxes engaiolantes, coma esta do lago co Cabo Miseno ao fondo. Aínda que non estaba permitida a entrada ao antro da Sibila, a visita da que foi primeira colonia grega de Italia, non deixa indiferente a ninguén e so o feito de estarmos nós sozinhos, nun lugar de tanta beleza mesturada coa historia xa nos fixo sentir moi moi afortunados. As termas de Baia puxeron colofón a este espectacular día, deixando ganas en todos nós de voltar nun momento do ano en que se poida visitar a cidade romana somerxida e os fabulosos restos que están a piques de seren exhibidos no Castelo Aragonés. Rematamos o día completando a visita relaxada ao centro histórico de Nápoles e ao día seguinte regresamos a nosas casas sen ningunha incidencia e cheos de emocións e belos recordos. Hai que salientar que malia ser un grupo tan grande e con tantas mozas e mozos (nesta orde, facendo honor ao número), todas as actividades se puideron desenvolver perfectamente, con puntualidade impecable e que fomos felicitados constantemente polos guías que nos acompañaban, cousa que, por ser o habitual nas nosas viaxes, non debemos deixar de reflectir aquí. Os nosos parabéns para eles, os seus profesores e os seus pais. Non hai dúbida de que organizar esta viaxe e levala a cabo in situ supón un grande esforzo, pero é un pracer facelo se está destinado a alumnado e profesores así. Misión cumprida, vémonos en Grecia 2017.

Pé de foto: o grupo completo á entrada das escavacións do Rione Terra.