SEECGalicia

Odisea 2024: a alimentación en Grecia e Roma

Un ano máis volve o concurso de Cultura Clásica Odisea. A edición 2024 terá como fío condutor o tema “A Alimentación en Grecia e Roma“. Será nos días luns 15, martes 16, mércores 17 e xoves 18 de xaneiro. A inscrición comezará o luns 27 de novembro de 2023, e rematará o venres 12 de xaneiro de 2024. Será esta a XIX edición do concurso en Galicia.
Toda a información na páxina do concurso.
Podedes consultar dende aquí o documento das bases e calendario

Degustatio
———————————
MENÚ SINXELO DE FILEMÓN E BAUCIS PARA CONVIDADOS SORPRESA

Entrantes
Olivas de dúas cores, bagas de corneira aderezadas, chicoria silvestre, ravos, queixo e ovos levemente volteados sobre brasas non moi quentes.

Primeiro prato
Un caldo de verduras do horto cun lisco de carne afumada.

Sobremesa
Noces, figos secos, engurrados dátiles, ameixas, mazás perfumadas e uvas recollidas de purpúreas vides e un branco panal de mel.

Bebida
Viño da casa

Os alimentos de Filemón e Baucis fannos imaxinar as comidas da maioría da xente da Antigüidade grega e romana, lonxe das escenas das películas ou os cómics con “pescozos de xirafa recheos”, “mamilas de loba” ou “linguas de laverca”, por citar uns dos exemplos esmendrellantes que fan broma deses banquetes sofisticados das casas dos romanos máis adiñeirados, dos que tamén nos chegaron noticias, como o banquete de Trimalción.

Como Filemón e Baucis, mesturando sinxelos ingredientes e mimo na preparación, cociñamos un menú composto por unha substanciosa ensalada de preguntas, enigmas e adiviñas á maneira odiseica, un caldo enriquecido cun chisco de misterio, un guiso principal acompañado por un bo chorro de enxeño e unha sobremesa cunhas pingas de doce ironía, para que teñades despois unha boa dixestión. Algún prato alternativo de alta cociña escapado da carta de Trimalción tamén haberá, como non, que non vos sorprenda no menú.

Á mesa e bo proveito!