Fai un par de anos, José María Ciordia lanzaba a idea de traducir o Liddell-Scott ao español. No debate que tal idea suscitou e no que participou activamente Chiron, acordouse acometer a tradución do Liddell-Scott Intermediate, por ser máis acorde ás necesidades dos nosos alumnos. Tras unha serie de avatares diversos, o proxecto volve tomar impulso da man de Francisco Cortés, Jesús Ureña e Ángel Luis Gallego. O proxecto redeseñouse na idea de que non se trata de facer unha tradución do Intermediate, senón de usar este vello (1889) dicionario libre de copyright como punto de partida para conseguir unha ferramenta web interactiva moderna na que se integre a morfología, con enlaces en sustantivos, verbos e adxectivos aos modelos morfológicos pertinentes; a etimoloxía, para facer agrupacións de palabras; mención aos helenismos derivados, sinónimos, antónimos; distinción entre significado básico e significados de acepción, para facilitar a aprendizaxe do vocabulario aos alumnos; procura en grego e español, etc. O obxectivo non é unha tradución senón unha adaptación con criterios e recursos actuais ás nosas linguas (castelán, catalán, galego, eúscaro). Poden verse máis detalles do proxecto nesta web. Trátase dun proxecto cooperativo ao que se poden incorporar todos os profesores de clásicas que o desexen. O traballo consistirá na tradución, reordenación e adaptación, seguindo uns cadros e unhas pautas que permitan despois un resultado uniforme. O esforzo dos colaboradores será recoñecido especificamente. Dende SEECGalicia apoiamos esta encomiable iniciativa e animamos aos socios a que participen nel ou que difundan a nova entre posibles interesados. Se queres máis información, ou desexas participar neste ambicioso proxecto, visita o seu sitio.
Dicciogrego, un proxecto aberto a todos
26 de Marzo de 2012 / 0 respostas