SEECGalicia

DIES LIBRORUM NA FACULTADE DE FILOLOXÍA

O vindeiro 23 de abril, día do libro, terá lugar na facultade de Filoloxía a I Xornada Clásica, unha mañá de actividades organizadas por alumnos de filoloxía clásica con intención de facer desta data unha ocasión para dar a coñecer as culturas grega e romana de formas entretidas e innovadoras e para compartir a festividade.

As actividades serán completamente gratuitas e abertas a todo tipo de público, polo que calquera será benvido, tanto a nivel de participación como a nivel de expectación. O obxectivo, ademáis de pasalo ben, é celebrar dun modo especial un evento tan importante para cantos traballan e estudan nesta facultade. Invitámosvos a celebralo con nós e disfrutar das actividades que con tanto agarimo organizamos. Os profesores dos IES tamén poderedes asistir cos vosos alumnos, se o desexades.

OBRADOIRO DE CALIGRAFÍA
Con cálamos improvisados e papiro, realizarase unha demostración de caligrafía en rústica romana que os espectadores poderán probar e aprender.
• Lugar: Vestíbulo da facultade de Filoloxía
• Horario: De 09:00 a 14:00

XOGOS TRADICIONAIS ROMANOS
Un achegamento ó ocio do día a día romano con diversos xogos que farán que o participante disfrute e se sinta coma un verdadeiro romano.
• Lugar: Hall da facultade de Filoloxía
• Horario: De 09:00 a 14:00

RECITAL ABERTO
Para festexar o día do libro farase unha lectura libre de textos en calquera lingua e independentemente da súa autoría, nunha búsqueda de resaltar a esencia desta xornada, da labor dos filólogos e por suposto do espírito lector.
• Lugar: Vestíbulo da facultade de Filoloxía
• Horario: Iniciarase a actividade ás 11:00
*Nota: Toda persoa interesada en formar parte do recital pode achegarse antes da hora a calquera das outras actividades de vestíbulo para ser anotado na listaxe de participantes.

XOGO DE ROL: O OLIMPO EN ARMAS
«O caos reina no Olimpo, os deuses están sendo atrapados no Tártaro a mans dun agresor sen rostro nin nome. En comunidade, durante a luz do día, terán que atopar ó lobo entre as ovellas, pero cando o sol se poña e os ollos se pechen nada lle impedirá atacar.»
Adaptación á cultura grecolatina do xogo Les loups-garous de Thiercelieux, unha divertida forma dos clásicos xogos de asesinos e inocentes a través da cal o xogador coñecerá os papeis e funcións dos deuses olímpicos.
• Lugar: Sala de conferencias B13 (Primeiro andar), facultade de Filoloxía
• Horario: En turnos de media hora: de 10:00 a 10:30, de 10:30 a 11:00, de 11:00 a 11:30, PAUSA, de 12:00 a 12:30, de 12:30 a 13:00, de 13:00 a 13:30, de 13:30 a 14:00.