SEECGalicia

Clausura Nacional dos festivais de teatro grecolatino

A pasada fin de semana celebrouse a clausura nacional do circuito de Teatro Grecolatino Prósopon. Os representantes de todas as sedes reuníronse o venres 6 de maio en Burgos para celebrar a xunta xeral ordinaria.

Nela fíxose a valoración de todos os festivais, que este ano tiveron a mesmo boa acollida de sempre, e acordouse nomear socio de honra de Prósopon ao presidente da Deputación de Burgos, polo apoio prestado durante varios anos ao desenvolvemento do festival de Clunia.

O sábado 7 visitamos a villa romana de Baños de Valdearados e a continuación o xacemento romano de Clunia Sulpicia, guiados por un dos arqueólogos da excavación.

Despois estaba previsto honrar a Dioniso cunha representación de Medea de Eurípides, pero algunha lea tivo que haber na familia olímpica, pois xa sabemos como son de susceptibles e pouco levados, e o caso é que no canto do fillo apareceu o pai Zeus en todo o seu esplendor e sen escatimar en sinais e manifestacións do seu poder: chuvia, lóstregos, tronos… Viña ao seu carón Boreas, o vento norte, que asubiaba sen piedade.

Nesas circunstancias non quedou outra que suspender a representación e honrar ao noso Dioniso doutra forma. Por iso achegámosnos a unha bodega onde demos boa conta de todo canto nos ofreceron, iso si, sen esquecer as libacións rituais preceptivas. Pola tarde visitamos Silos e Covarrubias.

O domingo Zeus dasapareceu e acompañados por Helios achegámosnos ato o museo da Evolución humana, maravilloso por contido e continente, onde están os fósiles e ferramentas da excavación de Atapuerca. Ao remate da visita despedímonos ata a próxima reunión. Despois desta fin de semana tan intensa poñémonos a traballar para poder ofrecervos unha nova edición do festival en 2012.